BASES CONCURSO
FOTOGRÁFICO “IMAXES CON FONDO”
FONDO GALEGO DE COOPERACIÓN E
SOLIDARIEDADE. 2012.
1.
PARTICIPANTES
·
Poderán presentarse persoas de
calquera nacionalidade residentes en concellos galegos de 13 anos en diante.
·
Haberá dúas categorías:
-
Dos 13 aos 17 anos (ambos inclusive): categoría xuvenil
-
A partir dos 18 anos: categoría adultas/os
2.
TEMÁTICA DO CONCURSO
Os
traballos deberán axustarse ás temáticas propostas, que son as seguintes:
·
Para a categoría xuvenil: A solidariedade dá sentido ás nosas vidas.
A solidariedade é un dos
valores fundamentais e universais nos que deberían basearse as relacións entre
os pobos e entre as persoas dunha mesma sociedade. É tamén un dos piares
centrais da cooperación internacional, mais non é necesario participar directamente
nos proxectos do sur para poñer en práctica a nosa solidariedade. A
solidariedade é dar apoio e comprensión ante as dificultades que pode ter outra
persoa, dende o respecto, a igualdade e o desinterese, sendo conscientes de que
podemos influenciarnos entre todas as persoas
dun xeito positivo. Ao solidarizarnos implicámonos na resolución dos problemas
do noso contorno , contribuíndo á construción dun mundo en paz, máis xusto e
equitativo. Cada día preséntanse oportunidades para ser solidarias/os con quen nos rodea, como por exemplo: Dar
conversa a unha persoa maior que vive soa, axudar a levar as bolsas da compra a
unha persoa con dificultades, contribuír nas tarefas domésticas, axudar a un
compañeiro/a cos deberes, respectar o medio ambiente, ceder o asento do autobús
a unha embarazada, tratar de frear burlas ou ofensas contra outras/os
compañeiras/os da clase, integrar no
noso grupo de amizades a persoas doutras nacionalidades, etc.
As
persoas que queiran participar e que entren dentro desta categoría deberán
achegar fotografías nas que se amose a
solidariedade dentro da nosa sociedade. Ademais de reflectir imaxes da
solidariedade cotiá tamén poderán achegar imaxes de mobilizacións ou
actividades que se dan no seu concello en torno a este principio.
·
Para a categoría adultas/os: Cambia, reivindica e constrúe.
No
contexto actual de globalización observamos na nosa sociedade innumerables
prácticas, que a simple vista poden resultar inofensivas, pero que pola contra
van acompañadas de efectos nefastos para os pobos do sur e para o noso propio. Seguindo
os informes do PNUD, aproximadamente o 20% da humanidade aproveita e explota o
80% dos bens da terra, mentres que o 80% restante deben repartirse menos do 20%
dos bens. O desigual reparto de riquezas continúa a perpetuar as relacións desiguais entre os
países do norte e do sur. Crear
conciencia social sobre os efectos perversos da globalización e sobre os actos
que levamos a cabo na nosa sociedade é un acto de xenerosidade, mais tamén de
creación dunha cidadanía global responsable que denuncie as corrupcións, as
inxustizas, e as malas prácticas adquiridas e xa normalizadas, que obstaculizan
o desenvolvemento humano tanto no norte coma no sur.
As
persoas participantes deberán achegar imaxes que amosen como algunhas prácticas
na nosa sociedade (tanto de persoas particulares coma de empresas e gobernos) repercuten
negativamente nas poboacións dos países do sur de forma directa ou de forma
indirecta (como, por exemplo, creando falsos estereotipos sobre as persoas
dunha nacionalidade). Algúns exemplos poderían ser: consumo de enerxía, explotación
laboral, racismo, prostitución de inmigrantes, narcotráfico, comercio “inxusto”,
malas prácticas empresariais, quecemento global, etc.
3.
PRAZO DE PRESENTACIÓN
As/os
concursantes poderán facer entrega dos seus traballos entre o 15 de marzo e o
30 de setembro de 2012.
4.
ENTREGA DAS OBRAS
·
As fotografías entregaranse por
correo electrónico ao enderezo info@igadi.org
. Para calquera dúbida pódese chamar ao 698 156 127 de luns a venres de 9:30 a
14:00h.
·
As fotografías deberán ser
presentadas en formato JPG. Tamén serán admitidas as presentadas en formato
comprimido (zip ou rar).
·
Admítense fotografías en cor e en
branco e negro.
·
O correo electrónico deberá
conter, ademais, dous documentos de texto:
o
DOCUMENTO DE TEXTO “OBRA”: este
documento deberá nomearse co pseudónimo da autora ou autor seguido da palabra
“obra”. Por exemplo: bolboreta_obra ou bolboretaobra. Deberá conter a seguinte información:
- Pseudónimo da/o concursante.
-
Título de cada obra, asociada ao número de ficheiro correspondente ou ao nome
que leve o arquivo fotográfico.
-
Breve descrición de cada obra, de 140 caracteres, na que se explique a relación
da imaxe co tema proposto.
-
Lugar de realización.
- Modelo
de cámara empregado
o
DOCUMENTO DE TEXTO “DATOS
PERSOAIS”: este documento deberá nomearse co pseudónimo seguido de “datos
persoais”. Por exemplo: bolboreta_datospersoais ou bolboretadatospersoais.
Deberá conter a seguinte información:
-
Nome e apelidos.
-
Data de nacemento.
-
DNI ou NIE
-
Domicilio, código postal e poboación.
-
Teléfono de contacto e enderezo electrónico.
-
En caso de ser menor de idade, autorización asinada con DNI da nai/pai ou
titor/a.
Os
documentos de texto nos que se indiquen os datos persoais da/o concursante será
arquivado pola Secretaría Técnica do Fondo Galego e en ningún caso as persoas
que compoñen o xurado terán acceso aos mesmos ata unha vez decidido quen son
as/os gañadoras/es.
·
Non se admitirán fotomontaxes ou
fotografías retocadas dixitalmente, se ben si serán admitidas as fotografías
con retoques de brillo, contraste, etc, empregados para mellorar a calidade da
imaxe.
·
Non se admitirán obras gañadoras
doutros concursos fotográficos.
·
Cada participante poderá presentar
ata un máximo de 5 fotografías.
5.
PREMIOS
·
De cada categoría será
seleccionada unha fotografía gañadora, que recibirá un premio. Os premios serán
os seguintes:
-
Para a categoría xuvenil: Cámara fotográfica Canon EOS 1100 + Obxectivo EF-S
18-55 mm
e un lote de produtos de comercio xusto, valorado todo en 450€.
- Para
a categoría adultas/os: Viaxe (inclúe billetes de avión e aloxamento) a un dos
nosos proxectos en Cabo Verde, co obxectivo e compromiso de realizar un labor voluntario: un traballo fotográfico para o
arquivo do Fondo Galego. Estas fotografías quedarán en propiedade de dita
entidade, que poderá empregalas para realizar calquera actividade sen fins
lucrativos, citando sempre ao/á autor/a das obras. A viaxe ao terreo será
realizada no 2013.
6.
XURADO E SELECCIÓN DE GAÑADORAS/ES
·
Participar no concurso implica
aceptar estas bases e a inapelable decisión do xurado, que estará composto por
cinco persoas:
-
Representante da Comisión Executiva do Fondo galego de Cooperación e
Solidariedade
- Representante
Coordinadora Galega de ONGD
-
Representante Asociación Provincial de fotógrafas/os profesionais da provincia
de Pontevedra/ Coruña/ Lugo/Ourense.
-
Dúas persoas provenientes do persoal técnico dalgún concello e/ou deputación
integrada no Fondo Galego.
·
Quedarán descartadas aquelas
fotografías que non reúnan un mínimo de calidade ou que puideran resultar de
mal gusto ou ofensivas para as persoas protagonistas da imaxe.
7.
ENTREGA DE PREMIOS
·
O fallo do concurso farase público
no mes de novembro de 2012 a
través da páxina web do Fondo Galego www.fondogalego.org.
Con anterioridade comunicaráselle individualmente ás persoas premiadas. Se o
xurado o estimase oportuno algún dos premios podería quedar deserto.
·
A entrega de premios será
realizada no mes de novembro de 2012, durante as VII Xornadas anuais do Fondo
Galego (está por decidir o lugar e o día concreto).
8.
PROPIEDADE E USO POSTERIOR DAS FOTOGRAFÍAS
·
A propiedade intelectual das
fotografías (gañadoras ou non) recaería nas autoras/es das mesmas, mais o Fondo
Galego resérvase o dereito á súa explotación para fins non lucrativos.
·
O Fondo Galego poderá expoñer as
fotografías a través dos seus canles de comunicación (web, Facebook) no momento
de recibilas, indicando o título e o pseudónimo baixo as que son presentadas.
·
Todas as fotografías achegadas poderán
ser empregadas polo Fondo Galego para actividades de sensibilización sobre as
temáticas en cuestión, sempre citando ao/á autor/a da obra, e sempre que sexa
sen fins lucrativos.
·
O Fondo Galego poderá realizar
unha exposición coas fotografías presentadas ou cunha selección, se a calidade das mesmas o permite, e na que
se indicaría a titularidade das fotos. A
exposición tería por obxecto sensibilizar á poboación galega sobre os valores
nos que se fundamenta o concurso.