sábado, 28 de abril de 2012

CONCURSO FOTOGRAFICO FONDO GALEGO COOPERACION


CONCURSO FOTOGRAFICO "IMAXES CON FONDO"



O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade sorprende neste 2012 co concurso fotográfico ‘Imaxes con Fondo’, aberto a calquera persoa maior de 12 anos de idade e residente en Galicia.
‘Imaxes con Fondo’ pretende ser unha ferramenta que promova a reflexión, o pensamento crítico e un cambio de actitude na cidadanía, apostando por condutas solidarias e respectuosas co entorno e coas persoas que nel habitan.
Para a elaboración das bases do concurso contouse co apoio de diferentes colectivos vinculados ao mundo da fotografía: Asociación de reporteiros solidarios (AGARESO), Asociación Provincial de Fotógrafos de Pontevedra, Asociación Provincial de Fotógrafos de Lugo, Agrupación Fotográfica Galega, Asociación Fotográfica ‘Os Negativos’ e a Asociación Fotográfica Galega ‘Phosgalicia’.
‘Imaxes con Fondo’ divídese en dúas categorías con cadansúa temática:
- Categoría xuvenil (de 13 a 17 anos, ambos inclusive): As/os concursantes deberán achegar fotografías nas que se amose a solidariedade na nosa sociedade, entendido como un dos valores fundamentais e universais nos que deberían basearse as relacións entre os pobos e as persoas.
- Categoría adultas/os (de 18 anos en adiante): As/os concursantes deberán achegar imaxes que amosen como algunhas prácticas na nosa sociedade (tanto de persoas particulares coma de empresas e gobernos) repercuten negativamente nas poboacións dos países do sur de forma directa ou de forma indirecta, de cara a denunciar as iniquidades entre o norte e o sur que obstaculizan o desenvolvemento humano.
Haberá só un premio por categoría:
- Para a categoría xuvenil: Cámara fotográfica Canon EOS 1100 + Obxectivo EF-S 18-55 mm (ou similar) e un lote de produtos de comercio xusto, valorado todo en 450€.
- Para a categoría adultas/os: Viaxe (inclúe billetes de avión e aloxamento) a un dos proxectos do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en Cabo Verde, co obxectivo e compromiso de realizar un traballo fotográfico para o arquivo do Fondo Galego a modo de acción voluntaria. A viaxe ao terreo será realizada no 2013 e terá entre 15 días e un mes de duración.
Cada participante poderá presentar ata un máximo de 3 fotografías individuais, ou ben ata tres series compostas de tres fotografías cada unha. As fotografías deberán ser presentadas en formato JPG, cunha resolución mínima de 300ppp e deberá ocupar 5MB como máximo. Pero, o máis importante é a breve descrición de cada obra (tweet), de 140 caracteres e en galego, na que se explique a relación da fotografía ou serie co tema proposto, facendo unha reflexión sobre o significado da imaxe.
RECORDA: A IDEA CONTA MÁIS QUE A CALIDADE DA FOTOGRAFÍA!!

Aquelas persoas interesadas poderán facer entrega das súas obras e demais documentos requiridos dende o 15 de abril ata o 15 de outubro de 2012 no seguinte enderezo electrónico: imaxesconfondo@yahoo.es . Para máis información poden escribir un correo electrónico a dito enderezo ou chamar ao 698 156 127.

No hay comentarios:

Publicar un comentario